Afonso Castro


Iníciase na arte de tocar a gaita de forma autodidacta no ano 1981. Xa no 1983 inicia a súa formación na construción de instrumentos musicais no Obradoiro-Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular de Vigo, da man dos mestres artesáns Antón Corral, Ramón Casal e Carlos Corral. Foron tres anos fundamentais no seu proceso evolutivo que deron coa apertura do seu propio obradoiro no ano 1986 na súa vila natal, A Guarda, posteriormente transladado, dende o ano 1989, á súa instalación actual, no concello do Rosal.





Dende o comezo realiza un labor de investigación e perfeccionamento da gaita de cara a mellorar o seu son e afinación.
A súa teima céntrase na consecución dun instrumento dunha especial calidade, tanto nos materiais utilizados coma na obtención da mellor sonoridade e estabilidade, razón que o leva a deseñar, en decembro do 2012 a válvula de pallón, peza que dá solución ós problemas de sincronización dos roncos co punteiro, tanto ao comezo como ao remate da interpretación, e que mellora considerabelmente as variacións do ronco.



A exixencia por mellorar as capacidades da gaita e a realidade dos gaiteiros e gaiteiras son as razóns da súa dedicación permanente a través da cal materializa a súa paixón pola cultura galega. Ademais, tamén como gaiteiro é compoñente dos CARBALLAS e do grupo folk DEIXANDAR, ámbolos dous do Rosal.

 



Ir ao INICIO

Afonso Castro
Casal, 24   -   36770    O Rosal   -   Pontevedra   GALIZA
Tlf.: (34) 986 625441    -  obradoiro@afonsocastro.com
Todos os dereitos reservados a Afonso Castro